En resume os motivos polos que moitas mulleres utilizan case exclusivamente a respiración alta non parecen ser fisiolóxicos, e moito menos innatos, se non que teñen unha base psicolóxica e social. Vou tentar analizalos:
En primeiro lugar, na infancia da comezo un proceso de control e restrición (represión?) dos movementos naturais tanto para os nenos como para as nenas. Este control e limitación forzada dos movementos poden levar á formación de coirazas musculares, tensando o diafragama e reducindo a amplitude da respiración. Alexander Lowen e Michel Foucault son dos autores que me axudaron moito a comprender (dende ángulos de visión moi diversos aínda que complementarios ) este tema complexo do “control dos corpos”.
Porén, aínda que o control dos movementos dende a infancia sexa “mixto” eu penso que tradicionalmente penaliza máis ás nenas: “non te manches”, “non te subas que te podes mancar””ten coidado non corras tan rápido”, “non sexas bruta”, “tes que aceptar certos indumentos incómodos porque así estás guapa” etc. Noutras palabras, todos os nenos e nenas son obrigados a “semi-inmobilizarse” na escola, na mesa ou no supermercado, pero no caso dos nenos o ímpeto e as actitudes arriscadas na exploración do espazo son, en moitas ocasións, escusadas cun sorriso condescendente ou mesmo festexadas e alentadas, mentres que, esas mesmas actitudes, no caso das nenas, ou son censuradas ou son freadas con actitudes excesivamente protectoras.
Moitos debuxos animados (non todos, por fortuna) corroboran a miña teoría das diferencias na amplitude e a liberdade de movemento permitidas ou recomendadas as nenas e os nenos. Os debuxos “para nenos” tratan de loitas e aventuras perigosas e estimulantes fisicamente mentres que os debuxos “de nenas” son máis “tranquilos”, moi ricos en contidos intelectuais e emocionais, certamente, pero moi pobres en propostas motoras. Recordemos que, dende unha perspectiva patriarcal, as nenas non deben explorar o espazo “exterior” porque o seu espazo asignado socialmente é “interior”: dentro da casa (ou como máximo da biblioteca). E xa sabemos que nos espazos pequenos e pechados os movementos son reducidos.
Por fortuna, isto está cambiando a grande velocidade e agora se lles permite a moitas nenas explorar o espazo con moita liberdade: trepar, escalar, saltar etc. sen penalizar as súas actitudes asertivas e impetuosas e sen definilas despectivamente como “machirulas” ou “brutotas”. Recentemente, tiven o pracer de asistir á festa de Fin de Curso do CENTRO DEPORTIVO BAIXO MIÑO da Guarda, onde o meu fillo de seis anos aprende as artes do Judo. Alí vin moitas fermosas loitadoras, cos seus típicos peiteados trenzados, nenas e adolescentes judokas, demostrando a súa forza, habilidade psicomotriz e concentración e estou segura de que todas elas son capaces de respirar profundamente e de estar no seu centro, físico, mental e emocional sen problema algún.
Porén, moito machismo queda aínda agachado no noso inconsciente, e é fácil que, mesmo sen darnos conta, protexamos, xa dende bebés, máis ás nenas que aos nenos, e sobre todo, lles transmitamos máis medos e desconfianza na propia forza e capacidade de movemento. Educadores e proxenitores non baixemos a garda! Mesmo se cremos ser feministas podemos actuar involuntariamente de maneira sexista e transmitirllo ás nenas e aos nenos.
Compre meditar na forte carga simbólica dos conceptos que van saíndo no texto: “Apropiarse do espazo”, “moverse con liberdade”, “respirar dende o centro”... Non fai nin falla explicalos e son válidos para todas as persoas e moi especialmente para as mulleres. Moi probablemente, unha muller coa autoestima ben desenvolvida, dona do seu espazo no mundo, libre de tensións internas, centrada e segura de si mesma vai respirar dende o seu centro: abdominal e profundamente.
Pero como xa vos podedes imaxinar, isto non é cousa tan doada para ninguén, e menos para as mulleres ás que dende pequeniñas nos ensinaron a facer e desexar todo contrario: sermos abnegadas sacrificarnos polos demais, antepoñendo as necesidades dos outros ás nosas, sermos humildes e ocupar pouco espazo, evitando destacar ou liderar, e en xeral, irmos acumulando unha serie infinita de frustracións que, moi probablemente se instalen no noso diafragma e na nosa pelve en forma de tensións crónicas e paralizantes.
Que podo facer para mellorar a miña respiración?
En primeiro lugar espero que ningunha muller (ou home) se sinta culpable por ter un diafragma “bloqueado”. Primeiro porque iso lle pode pasar a calquera e en calquera dos abundantes momentos “complicados” da vida. De feito, o diafragma é moi sensible ao stress e se tensa con facilidade. E segundo, porque avergonzarnos ou sentirnos inadecuadas por non ser capaces de respirar da maneira “ideal” nos levaría a acumular aínda máis tensións e a respirar aínda máis ansiosamente.
Eu aconsello, en primeiro lugar, intentar “botarse unhas risas”, xa que a risa desbloquea o diafragma e ten efectos moi positivos no noso organismo alén de levantarnos o ánimo e quitarlle dramatismo aos asuntos. Tamén, se vos apetece, podedes chorar todas as emocións silenciadas que levades afogadas dentro. O pranto libre tamén libera o diafragma así como tusir ou soprar forte como para apagar velas.
En todo caso, eu sinto que xa vai sendo hora para as mulleres de deixar de laiarnos e de alimentar rancores e victimismos. Penso que é momento de apropiarnos (inspirar) de todo que precisamos: tempo, espazo, enerxía etc. tomando conciencia dos nosos valores para entregalos (exhalar) ao mundo.
O danza e o movemento en xeral sobre todo cando se practican rotacións e ondulacións da pelve e da columna, axudan moito a liberar tensións na zona abdominal e no diafragma. Este tipo de movementos tamén favorecen a circulación nos órganos internos (entre eles o útero e os ovarios) favorecendo o equilibrio hormonal das mulleres (e dos homes). Para máis información sobre este tema podedes achegarvos ao método de AVIVA STEINER e ao LUNA YOGA de ADELHEIT OHLIG.
Por suposto podedes practicar YOGA e PRANAYAMA. O Pranayama, que significa control do “prana” ou aire vital/ respiración/ enerxía, e é un conxunto de técnicas moi refinadas e variadas de respiración moi completo. Algunhas técnicas do Pranayama se parecen aos exercicios do canto para o control diafragmático e eu as utilizo nas miñas clases como reforzo.
E, como non! PODEDES CANTAR! O canto e a respiración favorécense mutuamente, e máis aínda cando o canto se fai con pracer e en liberdade. Ademais, na nosa web tamén podedes atopar un curso específico sobre respiración e apoio diafragmático así como un vídeo/tutorial gratuíto en YouTube...
Espero que este artigo vos fora de utilidade...