No marco da nosa liña de Canto Terapia chamada “Con Voz Propia”, MAGA DE VOZ, quixo facerse eco da emerxencia dos problemas de saúde mental na infancia e adolescencia que a recente pandemia puxo en evidencia, aportando o noso pequeno grao de area co deseño dun OBRADOIRO DE CANTO PARA ADOLESCENTES RESILIENTES.
O obradoiro ten unha durada de 24 horas organizadas en 8 encontros semanais de tres horas cada sesión e está concibido no ámbito sociopedagóxico polo que non pretende substituír o traballo terapéutico e de prevención practicado por profesionais da saúde mental. Porén, estamos convencidas de que o traballo co Canto Moderno pode ofrecer canles alternativos de comunicación e de expresión emocional na adolescencia, aproveitando o potencial de construción de resiliencia intrínseco ás artes en xeral.
Utilizando o canto e a música como vehículo principal de expresión e comunicación, ofrécense unha serie de experiencias xestuais, motrices e sonoras (non verbais) que axudan na elaboración de emocións, a adquisición de autoestima, autocoñecemento e asertividade así como a valorización da diversidade e o sentimento de pertenza.
Ademais, no caso do Canto, a comunicación tamén será verbal e con fortes contidos sociais porque que as cancións teñen letras nas que xs individxs se poden reflexar individualmente ao tempo que se sinten parte dunha comunidade ou “tribo”. Tamén, en modo inverso, as letras poden ser transformadas e re/creadas ao noso gusto, sobre todo cando nos movemos en contextos de músicas urbanas como son o RAP o TRASH ou o REGGAETON.
Neste sentido, os contidos do Obradoiro están fortemente influenciados polos estilos chamados “modernos” (música urbana, rock, R&B etc...) nos que destacan a busca da orixinalidade e a liberdade de expresión individual polo que se dará un importante espazo á improvisación e a creación.