
Obradoiro de Canto para mulleres " Con Voz Propia " VIGO 2025


Destinado a mulleres maiores de 18 anos ás que lles guste cantar. Non se precisa cantar “ben”.

Formadora: Cristal Méndez Queizán. (MAGA DE VOZ)

Obxectivos:
Fomentar o empoderamento e a propia estima.
Explorar e liberar os recursos expresivos da voz e do corpo.
Incrementar a conciencia e os coñecementos sobre o funcionamento da voz, a respiración e as sensacións para mellorar
a voz e, tamén, a saúde e o benestar.
Recoñecer e valorar as posibilidades expresivas de cada voz.
Recoñecer recursos persoais empregando o canto e o movemento.
Construír novas maneiras de relacionarnos coas demais e con nós mesmas, empregando o canto e o movemento.
Aprender a autorregulación do sistema nervioso.
Descubrir o potencial das sensacións e das experiencias somáticas.
Promover os valores de inclusión, integración e respecto da diversidade.

Descrición:
Empregando o canto e o movemento exploraremos a capacidade expresiva e emocional das nosas voces e corpos para recoñecernos
e empoderarnos ao tempo que aprendemos a autorregulación.
O canto e o movemento son un medio, non un obxectivo, polo que non é preciso “cantar ben” e basta coa intención de gozar xuntas a través do canto e o movemento.

Contidos:
− Respiración e control diafragmático.
− Exercicios vogais.
− Conciencia do corpo e as súas sensacións.
− Habilidades expresivas: exploración corporal do son a través do movemento e a danza, improvisación e composición, canto e improvisación coral, canto e improvisación individual e escoita
consciente e activa das nosas voces.

Metodoloxía:
Utilizaranse recursos da músico-terapia e da danza-terapia adaptados ás necesidades individuais de todas as participantes, ademais da técnica “experiencia somática” e da “teoría Polivagal”
para regular o sistema nervioso. A metodoloxía é participativa e inclusiva, favorecendo o benestar e a
integración no grupo así como a creación dun “espazo seguro e respectuoso” para que todas poidan expresarse e experimentar en liberdade.

Duración: 42 horas en 21 sesións.

Calendario: luns, do 27 de xaneiro ata o 30 de xuño (agás o 3 de marzo e o 14 abril) de 18:00 a 20:00.

Inscrición previa (con carácter preferente vía telemática).
Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Vigo (farase a correspondente comprobación).
Grupos con capacidade limitada.
Participación na actividade: condicionada a ter praza confirmada.