Este mes de Xuño celebramos o primeiro aniversario da “xestación” de Maga de Voz que coincidiu coa lección aberta da clausura dos Obradoiros “ Con Voz Propia” o pasado Luns 20 no refectorio do Mosteiro de Oia.
Asistiron ao acto, xunto a persoas amigas e familiares das mulleres participantes, os alcaldes Antonio Lomba, da Guarda e Carlos Gómez, de Baiona, as Concelleiras de Igualdade destes dous concellos Fátima Rodríguez e Yasmina Moreira así como as directoras dos CIM respectivos Yolanda Villaverde e Elena Otero. Queremos agradecer a todas as persoas pola súa presencia no acto e especialmente agradecemos ás Concelleiras e ás Directoras dos CIM que organizaron os obradoiros pola confianza depositada en nós.
Tamén queremos agradecer á Fundación Bretal e a Sarah Barbará, responsable da dinamización cultural do mosteiro de Oia pola xenerosidade demostrada coa cesión dun espazo no mosteiro para celebrar o noso evento.
O acto, organizado por Maga de Voz, resultou ser unha experiencia vibrante que superou todas as nosas mellores expectativas. As mulleres integrantes dos Obradoiros da Guarda e de Baiona xuntáronse para coñecerse e darse a coñecer liberando, con grande xenerosidade e valentía, a voz individual e colectiva. Bailamos, cantamos, improvisamos, falamos de nós e nos emocionamos. Houbo fondos abrazos, algunha lágrima e moitos sorrisos.
As mulleres falaron dende a verdade e a onda das súas voces bateu libre con palabras como LIBERTADE, UNIÓN, GRATITUDE, FELICIDADE, NAI, FORZA, VIDA, RESPECTO, COMPARTIR, RECORDAR, BELEZA, VALENTÍA, SENTIR... palabras que resoaron polas arcadas do mosteiro deixando unha pegada nas vellas pedras. Quen sabe se as sereas se achegaron a escoitarnos. Coido lles tería gustado moito.