¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.

Contacta con Maga de Voz: info@magadevoz.com

TINA TURNER, MEDUSA E MAHSA AMINI: A REVOLUCIÓN DOS CABELOS SOLTOS.


 

 

 

Esta imaxe está dedicada á canción BARAYE de Shervin Hajipour, himno das protestas

Recentemente, estiven de vacacións en Roma e, casualmente. encontrei este mural na praza do metro Conca D'Oro.

O mural foi creado polas artistas de Doublewhy e Hogre (buyanewsoul) baixo a iniciativa  do colectivo romano de mulleres “Lucha y siesta” co gaio do 8 de Marzo. Un mural que, moi asertivamente e rexeitando a percepción de "vítima", non se posiciona en defensa das mulleres de Irán se non ao seu lado.

Moitos dos textos escritos no mural están en lingua e alfabeto persa, supoño, polo que non me foi doado entendelos. Pero as imaxes son ben claras e descritivas, de estilo narrativo simultáneo (sen secuencias temporais) permitindo comprender á perfección os temas tratados, maila que non coñezamos o persa. Cada un dos “cadros” é independente, e se refire a un aspecto importante das accións de revolta contra a represión da ditadura relixiosa de Irán.

Detalle que explica a acción non violenta de quitarlle o turbante aos clérigos.
O nome de MAHSA AMINI (este sí en letras latinas para que non pase desparcibido) a rapaza kurda morta logo de ser torturada pola policía do rexime.
A sororidade, a xuventude e a cabeza descuberta.

.

Este grupo de pinturas recórdanme ás manifestacións artísticas arcaicas, deseñadas para receptorxs analfabetxs, a miúdo en forma de pinturas murais, grupos escultóricos e baixorrelevos, que se expuñan nas prazas e nas igrexas e que tiñan unha  evidente intención narrativa e didáctica dos eventos e/ou conceptos políticos ou relixiosos.

Por certo, Frida Kahlo, que estaba moi ligada ás artes populares de México (murales), utilizou moi sabiamente tamén este tipo de comunicación para “narrar” a súa persoal e conflitiva posición no mundo.

 

Esta imaxe mostra o costume da policía "da moral" de disparar perdigóns sobre xs manifestantes.

Aos rapaces dispáranlles normalmente nas costas, as nádegas ou as pernas, pero, ultimamente, disparan tamén á cara e aos xenitais das rapazas. Hai persoal sanitario que trata as feridas das vítimas en segredo, para evitar que as ingresen no hospital o que implicaría a súa posterior detención con conseguinte ingreso no cárcere.

 

Gostei moito de todo o mural, pero vibrei especialmente en consonancia con dúas imaxes que teñen que ver cos cabelos e a súa simboloxía e das que me apetece falarvos. A primeira é a imaxe de Medusa ao lado dun manifesto que declama en lingua inglesa “Fora as vosas leis dos nosos  corpos” 

Existen diferentes versións do mito de Medusa, se ben todas elas son patriarcais e demostran o desprezo e o abuso sobre as mulleres. A máis coñecida narra a historia dunha fermosa moza que custodiaba o templo de Atenea  e que foi violada polo deus Poseidón dentro do templo.

Como castigo, lonxe de defender a Medusa, enfrontándose co violador Poseidón,  e  “denunciando ao agresor”,  a deusa Atenea, que é coñecida por ser unha deusa moi patriarcal, reculpabiliza á vítima, condenando a Medusa á exclusión e a soidade,  convertida nun mostro con serpes velenosas por cabelos e dotada dunha visión mortal,  que volvía de pedra a quen a mirara aos ollos. 

Para min, a imaxe de Medusa neste mural simboliza a máxima expresión de rabia das mulleres contra as agresións sistemáticas e repetidas no tempo e o espazo.  Me imaxino que se Medusa falara, cantaría a versión en lingua grega  da canción “Sin miedo” de Vivir Quintana.

E por certo, mirade que cabelo crespo leva a cantante Vivir, como se tivera mil serpentes aniñadas na cabeza.... 

 

 

Outra cantante que tamén me recorda a Medusa é a miña amada Tina Turner. 

Tina, logo de liberarse do seu marido psicópata, Ike Turner, alén de cambiar a súa vida tamén mudou radicalmente de peiteado,  abandonando a súa melena lisa polos rizos de leona con que nós acostumamos a identificala.

Aínda que Tina Turner usase sempre perrucas sen mostrarnos o seu pelo “verdadeiro”, o seu evidente cambio de look  segue tendo validez simbólica. 

 

Ike & Tina Turner

Aqui a tendes a Tina sen Ike, en todo o seu explendor, toda ela melena e ruxido. Porque mirando a expresión xa imaxino o powerfull son felino que sae da súa gorxa.

Aproveito para darche as grazas, Tina, por todas as veces que espertaches o meu fluído vital máis aló dos límites naturais... grazas pola túa voz e a túa gracia, grazas polo teu exemplo de esperanza e apoderamento.

Hoxe, mentres  falo de Medusa e da violencia sobre as mulleres desexo recordarte e mandarche  un pensamento de amor e sororidade.   Nam-myoho-renge-kyo

 

YIN JIYAN AZADI: significa en kurdo, MULLER, VIDA (por ecoloxía social) e LIBERDADE (por democracia directa). Así, a liberación da muller e o internacionalismo son un pilar fundamental situado na vangarda do movemento pola liberación do pobo Kurdo (MLK).

Volvendo ao mural en Conca D’Oro, a segunda imaxe que me impresionou é a dunha rapaza que se corta o pelo, e voume permitir “enrollarme” un pouco máis ao redor do tema “cabelo”

En Kurdistan existe a tradición de que as mulleres se corten o pelo para expresar loito e desesperación, pero esta costume, en relación á loita das mulleres kurdas e  iranianas, converteuse na actualidade en sinal non só de dor, se non de protesta e solidariedade. De feito, moitas mulleres orientais e occidentais mostraron vídeos nas redes cortando o seu cabelo en  solidariedade coa loita feminista kurda e  iraniana.

Doume conta de que a simboloxía ao redor do cabelo longo, que, na maior parte das veces, está relacionada co feminino, é extensa, en Occidente e Oriente, no pasado e tamén no presente. A melena e os cabelos soltos ao descuberto simbolizan a sexualidade, a sensualidade, o poder e a rebelión, e, inversamente, cando o cabelo se perde ou é cortado simboliza a  dor, a castración e  o sentimento de humillación. 

Recordo brevemente como os nazis rapaban o pelo das vítimas do holocausto e o efecto de despersonalización e gregarización que isto provocaba. Como as nais solteiras eran rapadas en Galiza e en España. Como as rapazas republicanas foron rapadas pola represión franquista (falarei disto máis adiante). Tamén se rapan ás monxas cando entran no convento. Incluso se aconsella ás mulleres de máis de 50 anos que se corten o pelo, xa que as melenas longas son consideradas pouco elegantes en idades postmenopáusicas (ou será máis ben o dereito a unha expresión sexual non reprodutiva o que non parece apropiado?)

 

 

Con respecto aos cabelos curtos, a principios do século pasado, as mulleres comezaron a cortar o seu pelo e a poñer pantalóns en sinal de liberación e de comodidade, utilizando a estética masculina como símbolo apoderante. Xa en época contemporánea,  Phoolan Devi, a famosa “Raiña dos bandidos” que foi unha especie de Robin Hood da India, grande defensora das mulleres e das nenas de casta pobre ao tempo que feroz vingadora dos seus violadores, cortou os seus longos cabelos e quitou o Sari para poder correr libremente na súa vida de bandoleira. Por certo, Poolan Devi, quen probablemente non coñecía a Medusa, era moi devota de Kali, a temible deusa destructora que aplasta o mal e corta as cabezas dos demos na súa danza frenética e extasiada. Para seguir coa mitoloxía, tamén a deusa Artemisa lle pide ao seu pai Zeus que lle permita levar saias curtas para poder correr libremente polos boscos e os seus cabelos aparecen sempre cortos e cómodamente atados na iconografía.

Porén, eu teño a impresión de que, ultimamente, as mulleres mais que cortando o pelo, estámonos “desmelenando”. Por un lado,  moitas mulleres maiores, como por exemplo Ángela Molina, se rebelan ao canon de beleza "madura" e exhiben canas e melena sen pudor algún. Por outro lado a revolución “I love my curls” que comezou en EEUU coas mulleres afroamericanas que se reapoderaron dos seus cabelos rizos xa se estendeu por toda América, África, Europa e mesmo Oriente Medio.  En xeral, todo parece indicar que os cabelos das mulleres xa non son necesariamente curtos (asexuados?) cando queren ser libres.

E, na fin, todas estas miñas reviravoltas analíticas seguindo o fío dos cabelos, lévanme a pensar que o hiyab non é en absoluto un patrimonio islámico e que as cabezas cubertas ou a "rapa" das mulleres (bestializadas) se reproduce de maneira moi equivalente en todas as culturas, tempos e lugares do patriarcado. Intúo que a relación entre o cabelo solto, o poder, a autonomía e a sexualide é antiga. E que tamén ven de lonxe o medo ao noso espertar do longo soño de pedra de Medusa. Por iso o patraiarcado cando percibe sinais vitais pola nosa parte, ou nos "medusiza" (que  horrible te pos cando te enfadas, pareces unha bruxa con esos pelos!)  ou nos rapa/doma/cubre os cabelos coa intención de castrarnos, despersonalizarnos e arrebatarnos a "ánima"...

E así, nun anómalo mes de Maio romano, fresco e húmido, e mentres miraba este mural do que hoxe vos falo, non puiden deixar de pensar en canto son terriblemente parecidas e equivalentes as formas da represión das ditaduras patriarcais,  as do pasado e as do presente. as de Norte Sul, Oriente e Occidente, e mesmo as mitolóxicas (con Medusa, Perséfone, Leda e moitas outras mulleres, ninfas e deusas violadas por Zeus e familia).  Resulta abraiante constatar como sempre volven, como no mito do eterno retorno, as mesmas formas de persecución e  violencia sobre as mulleres, sobre as crianzas, e sobre todo o que non é “normativo”, o "minoritario" e o "diverxente", incluídos os homes rebeldes e mesmo os cans da rúa,  violencias que demostran un sadismo e unha psicopatoloxía pavorosamente similar. 

Eu penso que, probablemente, é por este motivo que a imaxe de Medusa, un ser arcaico e mitolóxico, se volve tan efectiva no plano comunicativo contemporáneo. Porque o que se está denunciando, non é de agora se non que se enterra profundamente no pasado humano, e non é só un problema de relixión. Nos compete tamén en Occidente. E non debemos baixar a garda nunca. Ollo coas leis que controlan os nosos corpos porque, como "contraresposta" ao noso berro MULLER, VIDA E LIBERDADE, a sombra dunha ditadura teocrática pesa tamén sobre Occidente. 

Por todo isto que sentín e pensei naquela melancólica tarde de chuvia en Roma Nord, decidín que me apetecía comentar esta imaxe da rapaza cortando os seus cabelos cun poema meu, que recitei no auditorio de Goián, na presentación do libro “Abaixo as ditaduras” de Josefa García Segret.

Podedes atopar máis información sobre este acto aquí.

Quero dedicar este poema á nai do escritor Manuel Forcadela e, con ela, ás outras catro rapazas do pobo de Forcadela, no concello de Tomiño, que foron vítimas da represión fascista, detidas, rapadas e humilladas publicamente pola soa razón de compartir unha ideoloxía que defendía a liberdade. Tamén quero dedicar este poema á todas as mulleres da historia que foron/mos excluídas, violentadas, encarceradas, guillotinadas, fusiladas, queimadas, torturadas... polo feito de seren/mos mulleres e de teren/mos intentado vivir e falar con liberdade. A todas elas, e a todas nós, desexo devolverlles os seus cabelos e, con eles, a honra e a enerxía vital que, in illo tempore, cando Medusa era libre, nos foi  ferozmente arrebatada. 

 

 HEDERA HELIX

 

Veremos afondar un día

a lama cativa da lúa no silencio do río.

E por fin as nosas almas

purgarán as malas babas

e as palabras lordas, 

que chegaban de través, 

como  balas estalando, 

 de lonxe, de detrás e de fronte.

E cando todos os asasinos de colibrís fiquen esquecidos

e acurrunchados na poeira

como artrópodos resecos,

mortos de sede e fame

sen o fluído vivo do noso medo

 

Entón:

MEDRARÁ VIZOSA A NOSA MELENA

LIBRE E VENTUREIRA

COMO ESPIRAIS DE HEDRA

COMO RISADA DE NENA

 

Cando a chuvia esmeralda limpe as memorias rotas

e, baixo un sol benéfico, de fraternidade e  respecto

se relate toda a verdade,

e finalmente renazan os soños arco iris

e as voces  diamantinas

e os beixos de froita fresca

e o estalar das sabas limpas no leito.

 

Entón:

MEDRARÁ VIZOSA A NOSA MELENA

LIBRE E VENTUREIRA

COMO ESPIRAIS DE HEDRA

COMO RISADA DE NENA

 

Cando ningún canto e ningunha voz sexa precisa

porque xa inhalamos un millón de paxaros

e xa exhalamos o silencio de todas as estrelas

e todo de nós será, por fin, enteiro, fértil e sereno

 

Entón:

MEDRARÁ VIZOSA A NOSA MELENA

LIBRE E VENTUREIRA

COMO ESPIRAIS DE HEDRA

COMO RISADA DE NENA

 

Ata aló, irmás,

nós que fiamos longos anos

de cordial paciencia e amenceres tenues

agachando saloucos entre as dobreces dos panos,

na sombra acre das caixas de habanos,

e nas esquinas dos berces.

Nós que preservamos da gran desfeita

a nota silenciada na corda 

da nosa medula

e na fráxil mina do lapis,

as palabras prohibidas:

igualdade, xustiza, liberdade...

nós, que escribimos con limón a outra historia

a nosa historia,

agardaremos

 

pois entón:

MEDRARÁ VIZOSA A NOSA MELENA

LIBRE E VENTUREIRA

COMO ESPIRAIS DE HEDRA

COMO RISADAS DE NENA

.

E xa que foron grelando os nosos cabelos

pola espiral do tempo,

e fomos nomeando o sen nome,

abríndolle regatos ao silencio, 

cantándolle mantras ao inferno.

agora sabemos

que cada día que pasa

falta menos

 

E logo entón:

MEDRARÁ VIZOSA A NOSA MELENA

LIBRE E VENTUREIRA

COMO ESPIRAIS DE HEDRA

COMO RISADAS DE NENA.

 

E, como sempre, para rematar este artigo, propoño unha canción. Esta vez elixín BARAYE de Shervin Hajipour, un músico contemporáneo iraniano que foi tamén perseguido pola ditadura teocrática. Esta canción converteuse no himno da revolta en curso en Irán e vos deixo o link para que a escoitedes xunto a unha versión ao galego que improvisei a partir dunha tradución ao inglés e doutra ao castelán que atopei nas redes. 

 

BARAYE 

 

Por bailar na rúa

Polo medo cando nos bicamos

Pola miña hirmá, a túa hirmá as nosas hirmás

Por cambiar os cerebros erosionados

Pola vergonza de non poder dar, pola falta de diñeiro

Polo anhelo dunha vida normal

Polo neno que vive do lixo e os seus soños

Por esta economía planificada

Por este aire contaminado

Por Vali-'asr e as árbores murchas *1

Por Pirūz e a  extinción do guepardo asiático *2

Pola masacre dos cans inocentes 3*

Polo pranto que non cesa

Polo soño dun momento que non volverá  repetirse

Por la expresión da risa

Polos estudantes, polo futuro

Por este paraíso obrigatorio

Polos intelectos encadeados

Polos nenos discriminados de Afganistan *4

Por todos e cada un de todos estes  "por"

Por todos estes cantos propagandísticos ocos

Polo derrube das casas como castelos de naipes

Por sentirse en paz

Polo sol despois destas longas noites

Por todas as pastillas para os nervios e o insomnio

Polo humanidade, a patria, a prosperidade

Pola nena que desexa ser un neno

Pola muller, a vida, la liberdade

Pola liberdade

Pola liberdade

Pola liberdade

 

*1-Vali-'asr é unha rúa/xardin moi querida polos habitantes de Teheran e de gran valor patrimonial. A polución na cidade é tan intensa que as árbores están morrendo.

*2-  Piruz foi un exemplar de guepardo asiático, especie en grave peligro de extinción, que naceu en cautividade pero que, por desgraza, non logrou sobrevivir.

*3- Refírese á salvaxe tortura e matanza  de 1.700 cans incluídos cachorros, que estaban nun refuxio na zona de Gandak, provincia de Teheran.  O réxime persigue os animais dométicos aos que considera suxos, nun intento de arrebatar a alegría e a consolación que aportan as mascotas aos humanos. 

*4- Un informe da UNICEF considera Afganistan como "o peor lugar do mundo para nacer". A situación é dramática: mortalidade infantil, malnutrición, sin dereito á educación, matrimonios forzados, abusos sexuais etc.