¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.

Contacta con Maga de Voz: info@magadevoz.com


SAIRMOS DO ARMARIO: DIVERSIDADE, AUTOESTIMA E APODERAMENTO.

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar


Hoxe me apetece falar dun movemento na web no que participan múltiples persoas que decidiron saír do armario, e non falo só da comunidade LGTB, porque elxs xa levan bastante tempo facéndoo. Refírome tamén a outros colectivos (especialmente mulleres pero tamén homes) que estaban silenciados ou sen detectar/diagnosticar como son as persoas adultas  con AACC (Altas Capacidades) e con TEA (Trastorno do Espectro Autista) que están abandonando o “masking” para manifestar pola rede o seu dereito a seren neurodiverxentes.

Tamén me refiro ás superviventes a abusos físicos, emocionais e sexuais por parte de nais, pais ou parellas narcisistas/psicópatas que “dan a cara” en Youtube, axudando así outras mulleres e homes na mesma situación e, por suposto, as persoas con enfermidades mentais que deciden utilizar a plataforma da web para apoderarse, concienciarnos e reclamar a fin do estigma secular.

Non falarei doutros colectivos con diferencias auditivas, visuais, motrices, cognitivas... porque, aínda que estean tamén moi presentes na web, non os sigo neste momento. Ademais, e en xeral, as persoas  que saen do armario nos socials son moitas e non podería citar a todxs e moito menos analizar os seus contidos porque, como sempre, pola Web hai “moito e de todo”.

Porén aprecio unha característica común a todo este rebumbio “apoderante” que expresa un desexo de deixar de adaptarse a ese mundo considerado “válido”, “verdadeiro” ou “normativo”. É máis, detecto unha vontade de percibir este mundo como un “Tutti Frutti” saboroso de variados compoñentes que nos permite elixir as condicións dunha realidade múltiple segundo ás propias necesidades. Algo así como un “tuneo” das condicións externas para favorecer a creación de realidade propia. Eu non sei aínda se son ou non neurodiverxente pero, en todo caso, síntome moi involucrada neste rumbo estilo ”My way”.

Pode soar paradoxal, porque as modas unifican, pero teño a impresión de que a diverxencia e a orixinalidade están de moda.  As persoas TEA, por exemplo, comezan a non querer esforzarse en facer “masking” do seu autismo (seica é esgotador facelo). Por iso, elixen non agachar  o  seu característico “bater de as” das mans, a súa ollada que non vai directa aos ollos ou a súa  incomodidade co contacto físico.  Prefiren ser e estar comodamente coa súa diversidade sendo fieis a si mesmxs ao tempo que nos explican detalladamente e sen vergoña as súas diferencias. 

Da mesma maneira, as persoas AA.CC. (especialmente as mulleres) xa non lles preocupa que as consideren “pedantes” ou “sabichonas”. Parece que temen menos o perigo de exclusión, renunciando a enmascarar a súa intelixencia e as súas capacidades para poñer os seus “superpoderes” (a maior velocidade de procesamento dos seus cerebros) ao servizo da colectividade. Ademais asumen a súa sensibilidade extrema como unha virtude.

Aquí xa entramos no territorio PAS (persoas con alta sensibilidade) un terreo moi complexo e interesante pero algo esvaradío do que non vou falar aquí. En todo caso... Será que a sensibilidade tamén está de moda?

E para rizar aínda máis o rizo, moitas destas persoas nos informan da “diversidade dentro da diversidade”! invitándonos a superar o pensamento apuntalado en categorías ríxidas (etiquetas). Eu agradezo sempre que me rompan os esquemas e atopo fascinante descubrir, por exemplo, que o espectro TEA é amplísimo e que moitas persoas TEA (especialmente as mulleres) poden ser excelentes comunicadoras e que, por suposto, son capaces de sentir empatía!

Outra descuberta da “diferencia na diferencia” que me apetece resaltar é o concepto de “dobre (ou tripla!) excepcionalidade” que nos demostra que é factible a coexistencia na mesma persoa de máis dun diagnóstico, por exemplo AACC e TEA, AACC e  TDAH (Trastorno por Deficit de Atención e Hiperactividade), PAS e enfermidade mental etc.. Definitivamente... que magnífica é a complexidade do cerebro humano! Recórdame ao entretido espectáculo dun calidoscopio!

Aquí vos deixo o link da web dunha muller que admiro e que me parece que ilustra especialmente este asunto das “diversas diverxencias”

A min me parece que, en xeral,  moitas persoas están elixindo deixar de agachar a propia diferencia, para, conscientemente, poñer en mostra as súas diverxencias, que xa non percibidas como defectos se non como virtudes, revalidándoas como un valioso aporte á sociedade. Eu non sei aínda se son ou non neurodiverxente, pero estou contenta coa miña decisión de deixar de adaptarme ao mundo e de crear a miña propia realidade e tomo como exemplo iluminador a valentía de todas estas persoas “non normativas”  que nos ofrecen o seu relato na web.

É máis, observo que moitas persoas neurotípicas, esas que dimos en chamar “normais” (con toda a pobreza de matices e prexuízos limitadores que este adxectivo implica)  parecen estar moi ocupadas explorando e expoñendo nos seus blogs e canais os famosos “valores diferenciais” tan queridos polo marketing. Disque ser auténtica e orixinal atrae ao público e pode axudar a monetizar.

Este asunto, en principio non me parece mal, xa que as modas poden seguir trendings preexistentes que son positivos, e ademais porque a moda da orixinalidade me parece validísima! Lamentablemente, a práctica do copia pega e da busca de orixinalidade a toda costa para facerse visible tamén está asociada á moda e ao marketing e pode ser que (en parte)  á busca da diferencia do rabaño, se trate dunha moda pasaxeira e superficial ou simplemente dunha maneira narcisista de chamar a atención.

O máis probable é que, como sempre, sexa o tempo quen nos desvelará aquelo que era auténtico e de valor do que era só unha pose arribista. Recordemos que o pouco amado Krónos, ademais dun eficiente castrador, pode ser un magnífico controlador de calidade!  En todo caso, e agora falando en serio,  estou convencida de que todo emprendemento ou negocio con futuro pasa pola integración das nosas diferencias individuais e por poñelas ao servizo da colectividade.

En resume, penso que a irrupción da diverxencia como valor positivo nas redes pode tratarse dun movemento social novidoso que contribúa a superar os sentimentos de separación competitiva entre os seres humanos e que nos ensine a respectar e revalidar a quen transita/mos por camiños diferentes do normativo.

Isto me leva a esperar que, cando nos apoderamos como individualidade, estamos en certo modo cuestionando a “verdade” normativa  e incorporando así o noso grao de area na superación dos prexuízos cognitivos e de todo tipo de lacras, estigmas e contratos que nos impiden evolucionar (percorro este rastro aquí) e, paralelamente, cando aprendemos a incluír as diverxencias dxs outrxs estamos abrindo camiños para a PAZ , en toda a amplitude do seu significado.

E para rematar, propoño algo de música. Aínda que eu non son moi seguidora da música flamenca, mentres escribía este artigo viume á mente repetidas veces o retrouso dunha canción vintage de Lole y Manuel: “Todo es de color”, e, como considero que Lole e Manuel son intérpretes de  calidade e o texto ven moi a conto... pois decidín compartírvolo agardando que o desfrutedes coma min!