Na miña opinión, o problema de “conservar” a música, por loable e necesario que isto resulte, implica a imposibilidade de transformala, de reinterpretala e de contaminala se fai falla. Entón, corremos o risco de que, aquelas músicas que no seu tempo foron de vangarda (recordemos que Bach, Mozart ou Beethoven foron moi modernos e rompedores no seu momento), se nos queden enlatadas e cheirando a “morto”. E, moitas veces, é así como a xente nova considera o temario de Música do ensino primario e secundario no que a figura dos “grandes compositores” e a linguaxe musical representan unha parte importante (para min demasiado) dos temas traballados: aburrido, rancio, casposo, rollazo...
Porén, recoñezo que falar da tendencia “conservadora do Conservatorio” volve ser inexacto e superficial. En primeiro lugar, porque en moitos Conservatorios de Música do estado xa se incorporou dende hai anos a especialidade de Jazz e en Europa os estudos oficiais de Jazz xa compren varias décadas de existencia, nalgúns paises, incluso existe a especialidade de Rock Pop. En segundo lugar, moitas xeracións de músicxs saídxs do Conservatorio dan sinais de gran vitalidade e innovación.
Pero en termos xerais, e agora falo como ensinante de Canto “Moderno”, atrévome a afirmar que no ensino da música dos Conservatorios e tamén das Escolas Municipais e das Bandas de Música aplícase máis énfase na “lectura” e na “execución” musical que na “composición” e moito menos aínda na “improvisación” que é unha composición inmediata.
Polo contrario no ensino da música “moderna/popular” a “interpretación” (que na nosa xerga se chama “cover” ou “versión”) e a “improvisación” son de gran importancia. Tamén o é a “harmonía moderna”: Pode que xs jazzistas non sexan, como xs músicxs clásicxs, grandes “solfeadorxs a vista”, pero seguramente son grandes “harmonizadores a vista” porque, a diferencia dxs músicxs do conservatorio, foron entreadxs para ler, interpretar, transportar e axustar secuencias de acordes moi complexas de maneira inmediata ou case inmediata. Esta interpretación, como creación inmediata da estrutura armónica, xa existía no Barroco co baixo continuo improvisado pero a pregunta é: faise aínda?
Para min está claro que, no fondo, estamos falando todo o tempo de obxectivos musicais diversos para os que se van utilizar estratexias de ensino/aprendizaxe adecuados a esa especificidade. Se para o Conservatorio, é preciso preservar incontaminada unha obra, entón o ensino vai facer gran énfase na lectura rápida e correcta (instantánea) das partituras para propiciar a execución de obras orquestrais moi longas e difíciles de memorizar sen abandonar a fidelidade aos parámetros dun determinado compositor, director ou estilo musical.
Se, por outra banda, na música “popular” son moi importantes os valores de expresión individual, creatividade e improvisación inspirada, intransferible e inscrita no momento presente (non se vai repetir), neste caso, a lectura rápida, correcta e instantánea NON será prioritaria. Tampouco é decisivo especificar de maneira inequívoca e por escrito todas as variacións rítmicas ou melódicas. De feito, o que nós chamamos en xerga: feeling, duende, soul etc., non está rexistrado nas partituras, que acostuman a ser moi simples para permitir ás interpretes liberdade de expresión. Ademais as pezas “populares” acostuman ser breves (para “botar un baile”) e as partituras son fáciles de memorizar.
Pero, se ben para a educación musical “moderna” ou “popular” á lectura a vista non é decisiva, sí o será o coñecemento da harmonía moderna (que en realidade é “clásica”!!!) e dos acordes e escalas (modais, pentatónicas, de blues etc.) coas súas tensións. E non esquezamos o traballo co ritmo (“palos”, “claves”, “beat” etc.) e as variacións rítmicas, xa que o ritmo, neste tipo de músicas, asociadas ao baile, o ritmo e decisivo.
E por suposto non podemos obviar a exploración tímbrica (en liberdade) do propio instrumento para cargar de intensidade emocional e de orixinalidade a nosa interpretación. Quen non recoñece a Miles Davis a Lois Amstrong ou a Tina Turner logo de escoitar unha soa nota do seu instrumento?