Quero agradecer a todas as persoas que fixeron posible o evento: asistentes, participantes no acto e, sobre todo, á organización. Penso que organizar un acto como este, que honra a memoria de tantas vítimas e superviventes ao terror da represión fascista, ten que ser moi duro, por veces insoportable.
Compre ter moita valentía para escavar nos detalles abraiantes dun pesadelo e contar en voz alta o que realmente aconteceu. E compre unha gran bondade de corazón para, por fin, sacar ao sol as vellas feridas, para seren recoñecidas e curadas. A beleza do lugar no que estábamos contrastaba cos horrores da narración, non sei aínda se iso me provocaba alivio ou o todo o contrario.
No meu traballo a través de Maga de Voz, utilizo a voz, o canto, a danza e as artes en xeral como vehículos para a creación de benestar. Por iso, o poema que lin esa tarde, aínda que se referise a longas décadas de rabias afogadas, de feridas silenciadas e de futuros abortados, non quería renunciar a espallar o conforto e a esperanza para a humanidade.
Conversando con Marga do Val e Pepe Cáccamo recordamos que o fascismo sabe ben como activar as tripas dos votantes e que non dubida en espertar as poderosas e atávicas emocións humanas asociadas coa supervivencia, como son o medo, a urxencia, a rabia, a impotencia e o sentimento do territorio ameazado. A beleza dos magnolios en flor interrompía o noso discurso (aborrecido?) que agora retomo neste texto.
O neofascismo e as oligarquías que moven os fíos no retagarda, saben ben como pulsar esta tecla “atávica” xa que contan coa asesoría de especialistas en marketing e psicoloxía, quen, á súa vez saben, que o cerebro instintivo SEMPRE vence ao racional (palabra da ciencia, non miña).
Por desgracia, cando se vai ás urnas coas tripas, a razón e a cultura moi probablemente levarán as de perder. Non hai datos, nin números, por moi favorables, convenientes economicamente ou xustos socialmente que sexan, que poidan contrarrestar á forza esmagadora das “palabras maiores”, esas palabras que liberan as emocións do medo pola supervivencia e da loita pola defensa do territorio e o alimento que se perciben ameazados.
Hoxe, atrévome a pensar que contra as tripas “sen razón” do marketing fascista, non servirá moito a razón e as razóns, nin sequera a “verdade” dos datos, se non as outras emocións humanas que tamén foron e son necesarias para a supervivencia, aquelas positivas e construtivas, as que celebran a vida en todas as súas facetas e coidan dela e que, hoxe, probablemente sexan o mellor antídoto “homeopático” a longo prazo contra o discurso do medo.
Dito de maneira breve, e sendo consciente do serio perigo de abeirar a superficialidade, considero que, na actual sociedade líquida, o movemento antifascista precisa reconquistar os vellos conceptos intanxíbeis que só a igrexa, o marketing e certas producións artísticas infantís ou de masas se atreven a utilizar sen pudor e con grandes resultados comunicativos: tenrura, amor, solidariedade, consolo, coidado, pertenza, fogar, orixe, terra, empatía, solidariedade, infancia, protección, valentía, paz, vida...
E para non caer no edulcorado, no “ñoño” ou no manido, para reconquistar e dignificar ás emocións humanas que son compasivas (sentir con) e amorosas, devolvéndolle a súa beleza e grandeza orixinais, podemos sempre pedir axuda á cultura: escritores, músiques, artistas, cineastes, actores, influencers, youtubers, expertes de marketing e psicólogues. Sobra xente neste país que botaría unha man nese proxecto de “nova comunicación” atopando o seu espazo natural nas redes.
Deixo esta humilde proposta para quen desexe reflexionar e facer algo con ela. Eu xa o fago. Poñendo con entusiasmo o meu pequeniño grao de area en cada Obradoiro, en cada poema, en cada canción.
NO PASARÁN