A Eutonía é unha técnica que fomenta o benestar da persoa, axudándonos a desenvolver a propiocepción ao tempo que nos liberamos de tensións innecesarias. Pero tamén nos axuda en grande medida na interpretación musical e vocal. Este artigo presenta unha introdución á Eutonía xunto a unha serie de pautas para poñer en práctica esta técnica no campo artístico.
Índice
- 1.- Gerda Alexander, breve bio.
- 2.- O método Dalcroze en relación á Eutonía.
- 3.- A creación da Eutonía.
- 4.- Como utilizar a eutonía para a expresión na voz e no corpo.
---------------------------------
1.- Gerda Alexander, breve bio.
Empezaréi por presentarvos a Gerda Alexander, a creadora da Eutonía. Gerda naceu en Wuppertal, Alemania no ano 1908 e trasladouse a Dinamarca en 1929. Morre o 21 de febrero de 1994. En Dinamarca o seu método está incluído no programa educativo das academias de teatro , ollo ao dato. De feito, eu penso que a Eutonía é moi útil para traballar as dinámicas de expresión en todas as artes escénicas en xeral, música, danza e teatro. Falaremos disto máis adiante.
Gerda naceu nunha familia artística que estimulou a súa paixón polo danza e desde os 7 anos aprendeu a rítmica con Otho Blensdorf (discípulo de Dalcroze, de quen falaremos logo) e quería converterse en bailarina. Pero, como sucede moitas veces nas persoas que son quen de crear un método ou sistema para axudar a si mesmas e aos demais, á idade de 17 anos sofre unha enfermidade invalidante (reumatismo e problemas de corazón) que lle vai impedir convertirse en bailarina. Como veremos, esa enfermidade invalidante vai ser o catalizador que leve a Gerda a desenvolver a Eutonía.
Gerda, como xoven adulta, non deixa de lado o seu amor pola danza e o movemento o que a leva a finalizar os estudos con Dalcroze en Alemaña. Dalcroze foi un importantísimo referente para o seu tempo polo que lle vou dedicar unhas breves liñas para intruducirvos ao seu método en relación á Eutonía.
2.- O método Dalcroze en relación á Eutonía.
O método Dalcroze é moi complexo e interesante, considerade que aínda se utiliza nas escolas actualmente para ensinar música ás crianzas. Combina a danza/ movemento xunto ás sensacións (e isto, a min, me parece importantísimo) como os dous vehículos para a aprendizaxe da música. Quero tamén poñer énfase nos conceptos de Dalcroze de tensión vs. distensión ou contracción vs. relaxación, porque son claves para entender a Eutonía de Gerda Alexander.
A escola de Dalcroze, moi famosa na súa época, foi frecuentada por importantes artistas e intelectuais de vangarda da época que logo influíron moito na música, a danza e o teatro contemporáneos. Compre sempre respectar e honrar a aquelas persoas que no pasado tiveron a coraxe de romper coas mentalidades imperantes e as súas estéticas para lanzarse á busca de expresións artísticas máis auténticas, en conexión co corpo e as emocións.
Grazas a todxs vós: Mary Wigman, Rudolf Laban, Marie Rambert, Constantin Stanislavsky e moitxs outrxs que participaron na escola de Dalcroze, por facernos máis doado e entretido o camiño das artes “con corpo”.
3.- A creación da Eutonía.
Logo de estudar con Dalcroze, Gerda trasládase a Dinamarca por motivos laborais, pero vaise instalar alí definitivamente cando un desagradable señor con bigotiño chamado Hitler sube ao poder Alemaña. Gerda ficará en Dinamarca ata a fin dos seus días. O traballo de Gerda afonda na idea orixinal de Dalcroze do contraste entre contracción e relaxación desenvolvéndoa ulteriormente. A palabra eutonía está composta polo prefixo Eu (xusto, equilibrado, óptimo) e a palabra tono. Trátase por tanto de atopar o ton muscular xusto e adecuado para un determinado movemento.
Compre enfatizar que, a Eutonía non é relaxación xa que, se nos relaxamos totalmente caeríamos ao chan. Por tanto, para manternos de pe, ou sentadas nunha cadeira, precisamos sempre algo de ton muscular. Porén, se elevásemos o noso ton muscular por riba do necesario, crearíamos una tensión superflua e ineficiente que, co tempo, podería chegar a afectar á nosa saúde. Atopar o tono muscular adecuado (EU) para cada acción é a clave da Eutonía.
A min non me parece casual que, precisamente Gerda que sufriu un reumatismo que a debilitaba e lle impedía moverse, deseñara un método que nos ensina a regular a nosa forza e a incrementar a nosa conciencia corporal optimizando o movemento.
En Eutonía, trabállase con pelotas, en contacto co chan, con bastonciños finos na punta dos dedos, e se parte da musculatura profunda, aquela perto aos osos. A técnica da Eutonía precisa dun traballo profundo e específico. Aínda que fixen ún curso moi interesante de Eutonía con un especialista, e lin algúns libros, non son experta.
O que sí levo experimentando con moito éxito, é utilizar os principios de tensión e relaxación deste técnica para crear dinámicas expresivas na música e no canto. Probeino cos meus estudantes actores e cantantes con grandes e interesantísimos resultados.
E isto é o traballo que vos quero propoñer hoxe. E aquí pasaremos á parte práctica deste artigo:
4- Como utilizar a eutonía para falar, cantar e tocar.
Aconséllovos que ao rematar o artigo busquedes a unha persoa que queira facer os exercicios con vós. É sempre interesante compartir as sensacións e as experiencia e a vosa aprendizaxe será, seguramente, máis rica en matices. Ademais, desde fora do voso corpo, pódense apreciar detalles que a unx mesmx se nos escapan.
O primeiro que suxiro é comezar a familiarizarnos coa tensión e relaxación dos músculos. Ides sentarvos e apoiar un brazo sobre unha superficie sólida: unha mesa ou sobre as pernas. Logo, podedes observar o voso brazo relaxado e mandarlle a “orde” de levantarse, pensade que o queredes levantar pero sen chegar a facelo. Logo relaxade (decides non levantalo e o deixades repousar)
Observade que cando pensades en mover esa parte do corpo (só pensar en movela) esa parte se activa e se pode sentir como unha vibración eléctrica na zona. Repetide o xesto todas as veces necesarias para tomar conciencia dos dous estados: ton muscular elevado e ton muscular baixo. Non se trata de facer forza contraendo os músculos, só de “telos preparados para o movemento”. Compre distinguir “contracción” de “ton alto”.
Repetide o exercicio cunha perna. Pensade en movela e observade o ton muscular que se “acende” como se se cargase de enerxía...Logo podedes pasar a traballar con todo o corpo. Poñédevos de pe coas pernas separadas e os xeonllos lixeiramente flexionados. Intentade que a postura sexa cómoda. Logo pechade os ollos e imaxinade que sondes un grande, vello e pesado elefante. Observade os cambios na vosa musculatura, nas vosas sensacións. Sentídevos cada vez máis grandxs e pesadxs. Probade a camiñar como un elefante. Falade como un elefante. Podedes recitar o voso nome ou un número de teléfono...
É importante que, se utilizades a voz falada ou cantada, non comecedes con un texto significativo. Mellor utilizar palabras sen “significado emocional” como os números do 1 ao 10, as capitais das provincias, o ABC etc. Se sondes instrumentistas, podedes tocar notas ao azar co voso instrumento mantendo a sensación de peso. Aconséllovos concentrarvos unicamente nas sensacións da vosa voz, dos vosos dedos, do voso corpo. Trátase dun adestramento. Xa haberá tempo de poñer en práctica o aprendido nas coregrafías, as cancións e os textos teatrais...
A continuación probade a facer o elefante cada vez máis pequeno e lixeiro. Pouco a pouco ides alixeirando e subindo o ton muscular. Pensade que sondes un cabalo, logo un can grande, logo un gato, un pequeno esquío, un pardal e finalmente, unha lixeirísima bolboreta. Camiñade como unha bolboreta e recitade números ou letras como unha bolboreta. Cantade, bailade ou pulsade o voso instrumento como unha bolboreta.
Observade as sensacións e escoitade a vosa voz.
Agora poñédevos coa vosa parella, se estades traballando con alguén ou, se non, diante do espello. Comezade a xogar co ton muscular. Observade a vosa cara e o voso corpo de bolboreta. Escoitade de novo a voz. Pulsade o voso instrumento como unha bolboreta. Conectade coas sensacións e emocións que este estado vos provoca. Logo volvede, con calma ao estado de elefante (podedes ir pasando por animais intermedios). E de novo observade como fala e se move un elefante. Como soa a súa voz, como é a súa mirada.
Practicade con estes dous animais e logo cos pesos intermedios (paxaros, gatos, cabalos etc.). Repetide moitas veces ata que sintades que podedes cambiar facilmente dun estado ao outro. Máis adiante, cando xa teñades familiaridade coa técnica, podedes probar con outros estados, non só animais. Un neno, un xigante, unha rocha, area, auga... Non poñades límites á vosa imaxinación.
Para os actores e cantantes é interesante que, logo de practicar con esta técnica busquedes correspondencias emocionais e físicas coas personaxes e coas historias que estades interpretando. Tamén se sondes instrumentistas, podedes asociar a peza que estades estudando cun animal ou estado da natureza. Meditade a fondo sobre como sería o ton muscular dunha determinada personaxe ou fragmento dun texto ou dunha determinada pasaxe musical ou estrofa da canción.
Podedes ver algúns vídeos de danza ou de instrumentistas tocando en directo. As pezas románticas, con dinámicas de intensidade moi extremas, acostuman a darnos exemplos moi evidentes do manexo da Eutonía na interpretación. Na fin deste artigo suxírovos unha...
E, para rematar, quero sinalar o feito de que a Eutonía é contaxiosa. Isto implica que, aínda que só esteamos asistindo a unha competición deportiva, mesmo pola pantalla, o noso ton muscular vai empatizar co dos corpos dxs deportistas, activándose. Pensade no gran potencial comunicativo sobre a escena que nos ofrece o dominio da Eutonía...
Espero que este artigo vos fose de axuda. Coma sempre, e para rematar, vos propoño unha audición. Esta vez para que observedes os cambios de ton do corpo da cantante e dos músicos, especialmente da pianista. Chámase Aki Takase e tiven o pracer de escoitala hai unha porrada de anos no Club Quasimodo de Berlín xunto á cantante de jazz portuguesa María Joao. Un concerto emocionante. Inolvidable. Instructivo...
Xa daquela Aki Takase me pareceu unha grande mestra en precipitarse con todo o seu peso sobre as teclas do instrumento. Pregúntome se practica Karate, alén de tocar o piano... penso que, alén do ton muscular ela tamén domina maxistralmente a forza do de seu Ki. Pero diso falamos outro día...
Desfrutade...