Certamente vivimos tempos moi rápidos pola rede. As persoas consumen grandes cantidades de información e prefiren recibir “cápsulas” de contidos en vez de longos e fatigosos procesos. Isto paréceme verdade só a medias, eu penso que hai moita xente (Boomers, Millenials, Zetas, neurodiverxentes, Pleyadenses e outras categorías) que devoramos información extensa e de calidade na web. Pero teño que confesar que, mesmo para min que son de ritmo lento e “matizado” (nótese o trrrrremendo eufemismo), os tempos para rematar o curso se me facían efectivamente demasiado longos e aburridos.
Deste xeito, procedín a recortalos. Pero non os recortei tanto como o noso mentor nos aconsellou. E non o fixen por razóns didácticas e de honestidade.
Neste artigo quero explicar os motivos da miña insistencia en que os cursos sexan un pouco “cabezóns” ou sexa: demasiado “breves” e porén, demasiado “longos”. E quero facelo con calma e con matices, premisas, metáforas e circunloquios: ao meu estilo. Na fin do texto tendes un resume sintetizado para aquelas persoas que teñan presa ou que non practiquen a lectura rápida..
Parte 1.
Breve ou longo... sempre intenso!
Moitas persoas, eu mesma tamén, para valorar a relación calidade prezo dun curso precisamos de avaliar unha serie de características “cuantificables”. Unha moi evidente é a duración dun curso. Neste sentido os nosos cursos son moi “breves” porque a meirande parte dos vídeos e audios duran menos de 5 minutos. Outra característica cuantificable sería o número de material extra que axuntamos aos vídeos. Pero, lamentablemente, engadimos pouco material, apenas un PDF para organizar os tempos de estudo e algúns audios con vocalizacións. Pouca cousa a verdade.
Isto nos conduce á necesidade de usar os parámetros cualitativos para valorar se o prezo dos nosos cursos é “xusto”. Para comprobar a miña calidade como ensinante, podedes en primeiro lugar ver algún dos vídeos gratuítos que están colgados en youtube ou na propia web ou ler algún dos meus artigos do blog.
En segundo lugar podedes considerar que todo o que vos explico nos vídeos é o resultado de moitos anos de experiencia como ensinante de Canto Moderno. Toda esa experiencia implica que xa levei a cabo unha selección dos métodos didácticos e dos exercicios que sei que funcionan descartando a palla. Digamos que os contidos dos cursos xa veñen “testados” de por si, alén de teren sido testados tamén por exalumnas de confianza que nos sinalan erros e imprecisións para ser corrixidas.
E por última cousa, que os vídeos duren pouco, non quere dicir que sexan pobres de contidos, senón todo o contrario; existen moitos elementos/obxectos pequenos pero de gran valor.
Eu poría o exemplo as moléculas de ADN que almacenan inxente información organizada en cadeas (valores de estrutura, organización e síntese) ou a lá de cashmere que sendo fina e lixeira quenta moitísimo e ademais non pica (valores de funcionalidade e cura) alén do tópico dos diamantes para toda a vida (valor de durabilidade no tempo e resiliencia).
De feito, nos nosos “breves” cursos ofrecemos un material de estudo bastante claro, sintetizado e estruturado por niveis (ADN) para favorecer unha aprendizaxe efectiva e funcional, alén de respectuosa coas vosas delicadas cordas vocais (cashmere) facendo que as técnicas queden integradas profundamente e para sempre (diamantes).
Parte 2:
En que se parecen os nosos cursos ás bicicletas sen pedais?
Empezo por aclarar que, sendo breves os vídeos teóricos, o tempo estimado de duración dos nosos cursos é bastante longo. Isto é debido a importancia do VOSO traballo práctico persoal (os deberes). Unha característica do noso método é a gran importancia da práctica (nada novo na música, non somos orixinais nisto).
Por iso vos damos moitos e variados exercicios para que o estudo se faga ameno e para que se adapten a necesidades diversas. Non todas as mentes son iguais e por iso precisamos de formas de adestramento distintas que abrangan intelixencias diversas, segundo a teoría das intelixencias múltiples. Por iso propoñemos moitos e diversos exercicios.
Pero a principal razón de darvos tantos “deberes” é para que integredes á técnica ata que se faga automática.
Considerade que as claves da aprendizaxe do canto, e da música en xeral (tamén vale para todas as artes, deportes e outras habilidades físicas) está na a adquisición de destrezas.
Segundo as teorías da psicoloxía da aprendizaxe, existen varios tipos de contidos que requiren métodos de ensino/aprendizaxe distintas. Por un lado están os contidos de conceptos ou nocións, que, para poder aprendelos e memorizalos, precisan de ser “comprendidos” e engancharse a outros coñecementos ou sensacións/emocións previas (en realidade é moito máis complexo pero non cabe neste artigo).
Se eu vos explico, por exemplo, “como funciona o padal brando?” estou transmitíndovos un contido conceptual. Informareivos de qué é, para que serve, onde está situado, como e cando se activa e para que sirve na fonación. Xenial. Se elaboramos un bo vídeo, con imaxes claras e bos exemplos, consigo explicárvolo en 5 minutos. E se escoitades con suficiente atención, ides aprender perfectamente a teoría do padal brando.
Naturalmente, isto non vos vai axudar moito na práctica para saber utilizar de maneira eficiente un músculo moi importante no canto como é o famoso padal brando do que agora xa sabedes tantas cousas. Para aprender a utilizalo, tendes que aprender outro tipo de contidos que son os contidos procedimentais.
Algúns exemplos de procedementos ou destrezas son: cantar e tocar instrumentos, bailar, xogar ao tenis, picar cebola, atar os cordóns dos zapatos, practicar Hatha Yoga ou andar en bicicleta.
Todos estes procedementos para ser aprendidos requiren práctica e repetición.
Práctica e repetición, práctica e repetición, práctica e repetición, práctica e repetición, práctica e repetición...
Nunca me cansarei de repetilo!
A continuación transcribo un diálogo comigo mesma:
-“O meu (teu) fillo aprendeu aos 4 anos a andar sen axuda na bici de pedais en menos de 3 horas. Como poido ser que non precisou dun máis “longo” tempo de práctica? Eu aínda recordo as caídas e o interminable e duro período practicando ata que conseguín subir a unha bici e pedalar soa sen estamparme no chan. Entón o meu (teu) fillo é un xenio da bici ?
-Falso. Agora todas as crianzas aprenden nunhas horas ou minutos.
- Entón... que cambiou?
- Non cambiou nada. Andar en bici segue requirindo un longo período de adestramento. Simplemente, non estabamos botando conta de que, en realidade, o meu (teu) fillo xa levaba máis de 2 anos subido nunha bici sen pedais, practicando o equilibrio. Canto ti (eu) eras nena non existían as bicis sen pedais...
- Estame invadindo un pensamento sesgado, incómodo e disruptivo...
-Tranquila! Non es vella, a idade é só unha cuestión de actitude... Pois, como che estaba dicindo o teu (meu) neno xa levaba máis de 2 anos adestrándose e cando cambiou á bici con pedais XA sabia manter o equilibrio e unicamente tivo que aprender o novo movemento das pernas ao pedalear.
- Pedalear non é nada complicado, porque se parece a camiñar ou correr e esa destreza xa estaba adquirida desde moito antes.
- Exacto!
- Podemos falar da NON CONVENENCIA de instalar as rodas de adestramento nas bicis das crianzas?
- Non! Este artigo fala de música, canto e didáctica!
- Ok
FIN DO DIÁLOGO INTERIOR
Da mesma maneira que para aprender a andar en bici, os nosos tempos de estudo individual son longos para favorecer ao máximo a práctica. Pasaredes un longo tempo adestrándovos (bici sen pedais) ata dominar unha determinada técnica, repetindo, comezando pola maneira máis simple e gradualmente complicándoa, engadíndolle velocidade ou extensión ou precisión ata que un bo día xa sabedes cantar un riff sen pensar e de maneira automática. Nese momento, non antes, a técnica xa está integrada e aparece, de maneira aparentemente fácil e natural no noso canto (andamos na bici con pedais sen esforzo).
Fálovos disto para que entendades por que son tan importantes os exercicios no noso método, mellor dito porque son esenciais na aprendizaxe da música dende a súa prehistoria. De feito o ensino de música está estruturado desde tempos inmemoriais desta maneira:
FASE1ª: Lección demostrativa e explicativa a cargo dunhx mestrx ou Coach.
FASE 2ª: Estudo individual na casa durante un tempo X (unha semana normalmente)
FASE 3ª: Novo encontro para revisión do aprendido cx mestrx, asignación de novos deberes e, eventualmente, introdución de novas técnicas e coñecementos.
Nos nosos cursos Online respectamos esta modalidade “clásica” de ensino/aprendizaxe.
Mantemos as fases 1ª e 2ª (explicación e deberes) acortando “lixeiramente” os tempos de estudo ata un “mínimo” . Porén non podemos levar a cabo a 3ª fase de revisión porque as clases están gravadas. Esta parte da regulación teredes que facela vós, a non ser que vós queirades contratar un extra de horas de revisión en directo. Haberá persoas que aprendan antes e outras que precisen máis tempo, dependendo das características individuais ou da dificultade da técnica. Por iso, en substitución da revisión, nós vos ofrecemos un “calendario” cos tempos de estudo mínimos organizados por días e minutos de práctica.
Polo tanto, os tempos mínimos de práctica diaria que vos propoñemos son necesarios para automatizar as técnicas. Ademais, sobre todo nos comezos, convén estudar pouco todos os días durante moito tempo como prevención de lesións e porque é moito máis efectivo. Este é outro motivo polo que os nosos cursos se alongan bastante.
En definitiva. Se queredes cantar tendes que facer contas con horas de práctica persoal porque, sen estudo (e non me preguntedes por que na xerga musical se di “estudar” en vez “practicar” ou “exercitarse” ou “facer os deberes”) repito, sen estudo non se poden obter resultados salientables.
RESUME:
1- Para explicar como tendes que facer un exercicio ou como funciona un determinado músculo do noso corpo non fan falla tantas horas de vídeo. O que si importa é que o curso estea ben explicado, de maneira ordenada, coherente, estruturada en niveis, ben temporizada, sintética e respectuosa coa voz. É dicir, que vale máis o “como se fai?” que o “canto dura?”.
2- Para obter resultados efectivos e duradeiros na vosa técnica vocal é preciso dedicar bastante tempo de práctica individual (en xerga musical “estudo”). Por moi dotadxs que sexades para o canto, sempre teredes que repetir moitas veces unha técnica para que se automatice. Ademais é máis efectivo e seguro para a vosa voz estudar un pouco cada día durante moitos días que moito tempo unha soa vez.
Todos este factores orixinan que os nosos cursos sexan “breves” en minutos de vídeo “longos” en tempos de estudo e “intensos” en calidade.
Chispún.