¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.

Contacta con Maga de Voz: info@magadevoz.com

MÚSICA MODERNA VS CLÁSICA. MITOS, HISTORIA E FUTURO.


Confesións dunha ex-asmática parte II (teoría)

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar


Nesta segunda parte vou analizar os valores simbólicas da respiración e as súas fases en relación a estados emocionais. 

Para elo dividín este artigo en tres focos de atención: a respiración en xeral (abdominal e clavicular), a respiración bifásica (inspiración e expiración) e o medo como motor de supervivencia. Comezaremos polo primeiro foco:

RESPIRACIÓN: RELAX E CONTROL

 

En primeiro lugar, quero resaltar as ben coñecidas correspondencias entre a respiración alta e os estados de alerta e ansiosos. Inversamente a respiración baixa se relaciona a estados de calma e seguridade. Para profundizar máis neste tema podedes ler este artigo  e tamén podedes visualizar este vídeos que explica o mecanismo da respiración.

Aplicando esta tese, amplamente aceptada,  podemos dicir o seguinte:

 

Se sabemos que, en estados relaxados, o máis probable é que a respiración sexa baixa/abdominal e profunda, e que, en estados ansiosos, nos que se precisa CONTROLAR  (por “controlar” entendo tamén vixiar, dominar, loitar, fuxir, temer...) a respiración será probablemente alta/clavicular e superficial, entón é posible cambiar de maneira intencional a unha modalidade respiratoria abdominal (máis propicia)  para invertir un estado ansioso e alcanzar un estado máis tranquilo. 

 

 

O problema é que, en moitos casos, esta relación lóxico-matemática, do tipo se A =>B entón B =>A non funciona, xa que, como vos expliquei anteriormente, ás veces é moi difícil cambiar un esquema respiratorio, porque está ligado a unha serie de crenzas e memorias, corpóreas e emocionais, que están instauradas fortemente en nós desde fai bastante tempo. Ademais hai outros factores a ter en conta.

Un deles é o feito de que os estados mentais de “vontade”, “control” e “loita” por alcanzar algo,  se asocian frecuentemente á respiración alta. Polo tanto pretender cambiar un patrón ou modalidade respiratoria utilizando só a nosa “vontade” pode non dar os resultados esperados. En todo caso, compre non confundir o “control” coa “concentración”, porque poden ser opostos. Este é tema para outro artigo ... 

 

A RESPIRACIÓN BIFÁSICA E OS SEUS VALORES SIMBÓLICOS

 

  • Inspiro e vivo, expiro e morro.

Cando inspiramos nos enchemos de oxíxeno que é unha forma de manter as células con vida. Cando expiramos soltamos o aire residual para deixar espazo a unha nova inhalación. Pero se temos emocións de “carencia”, teremos medo a soltar porque pensamos que quedaremos sen nada, non temos confianza na nova inspiración, na renovación dos ciclos. Temos un medo paralizante ao cambio. Temémoslle á morte. 

  • Exterior “máscara social” versus interior íntimo e auténtico.

A inspiración tamén representa a nosa proxección cara o “exterior” e o socialmente aceptable (o aire está fora de nós) en contraposición á expiración que provén do noso “interior” ou o noso verdadeiro “eu”. Desta maneira, podemos asociar a expiración con contidos internos “agachados” que poden ser “incómodos”, como son a rabia ou a palabra “non”  que reprimimos e tememos deixar saír (demostrar).

  • Luz = ben versus escuridade=  mal.

En relación ao binomio exterior/interior está a contraposición “luz” e “escuridade”. A escuridade nos da medo porque non nos permite ver os perigos (non nos permite controlar). Ademais en occidente asociamos a negrura coa maldade e a fealdade  ou coa morte/destrución: a maxia negra e as bruxas vestidas de negro, a fame negra, a peste negra, a noite escura da alma, o loito, o carbón dos reis, o escuro inferno, as baixas vibracións escuras, a alma sucia e pecadora, a sombra platónica... 

Polo contrario a luz e a claridade se asocian coa alegría, a vitalidade, o ceo, o paraíso dos xustos, a bondade, a santidade, a intelixencia (brillante), o poder (o Rei Sol), o triunfo do ben sobre o mal, os seres “superiores” da luz, case sempre representados con roupas brancas, a ciencia e a razón (século das luces) etc. Mesmo unha parte do pensamento new age, que supostamente pretende superar a dualidade e a separación, continúa a organizar os seus discursos en termos de luz anteposta á escuridade.

Detrás desta dicotomía luz/escuridade está probablemente a gran forza residual do pensamento dualista cristiano/idealista/racionalista. E, como motor principal desta organización do pensamento simbólico, que da máis valor a un dos dous hemisferios que conforman a realidade, está a estrutura patriarcal. Os homes viven “fora” (na ágora) e as mulleres dentro (no xineceo) , os homes son racionais e as mulleres emocionais, os homes son mentais a mulleres corporais, o falo é luminoso e a matriz é escura etc...

Compre buscar máis a fondo nas ensinanzas ocultistas e nos saberes ancestrais para atoparnos con discursos menos maniqueístas e cun universo simbólico capaz de abrazar a escuridade como unha valiosa  e necesaria parte do gran xogo da vida. Xa que a maxia, o chamanismo o tantra, a bruxería e en xeral todas as espiritualidades agrarias e pagás de todos os tempos e lugares están ligadas profundamente á natureza e aos ciclos vitais e non esqueceron aínda o valor da noite e dos soños, da putrefacción e a morte, das covas, as matrices, os labirintos e moitos outros símbolos circulares... 

 



O MEDO COMO VALOR DE PROTECCIÓN DA VIDA

 

O medo nace como unha advertencia do perigo e ten polo tanto un alto valor de protección nas nosas vidas. Tememos á escuridade porque, efectivamente, en moitos contextos pode ser perigosa. Tememos abandonar o control  a vixilancia porque iso nos expón a todo tipo de depredadores, físicos e psíquicos, e a todo tipo de ataques. Tememos o rexeitamento social e a non ser amadxs. Tememos os cambios. 

Ante un perigo (real ou imaxinario) aparecen tres respostas posibles: a fuxida, o ataque e a parálise. Eu penso que calquera destas tres modalidades levan consigo  unha gran tensión muscular e poden afectar ao  patrón respiratorio. Tanto na fuxida, como no ataque como na parálise, vaise contraer a musculatura, inhibindo a respiración profunda e favorecendo unha respiración superficial e alta. Eu propoño dous tipos de respostas alternativas ao medo:

A primeira consiste en, unha vez que tomamos consciencia do propio medo, aprender a querelo e darlle ás grazas. Abrazar e integrar (transmutar) o propio medo e a nosa ansiedade é unha boa maneira de superalo. Podedes formular frases deste tipo:

“Grazas respiración alta por poñerme do lado da vida enchéndome de oxixeno pero agora eu decido expirar e abandonarme”, “Grazas sensación de medo, entendo que me queres protexer pero aínda así eu quero probar a deixar ir a respiración e baleirarme...” "Grazas medo por querer controlar a miña voz evitando que diga palabras inconvenientes como NON, BASTA XA, NON ME DA A GANA, MARCHO DE AQUÍ... Penso que chegou o momento de expresar os meus verdadeiros sentimentos e desexos”. E, cada vez que formuledes algunha destas frases, ou outras equivalentes redactadas por vos,  podedes acompañalas de suspiros longos, seguindo os pasos que vos propoño na primeira parte deste artigo. 

A outra resposta alternativa que vos propoño para superar o medo e a percepción do perigo é a concentración. Levando conscientemente a atención ao centro do noso corpo, no abdome e recuperando alí a nosa forza. Mellor aínda se conseguides extraer desde ese lugar a vosa voz, como se fai no famoso KIA do Karate. Eu penso que concentración e apoderamento son dous conceptos intimamente relacionados. Non sei ben se un orixina ao outro nin cal deles ven primeiro. Ao mellor conviven ao unísono, ou son a mesma cousa, ou teñen elementos en común. 

En todo caso, nos meus cursos  de Canto Terapia, traballo moito co centro do corpo como estratexia para fomentar o apoderamento e a expresión libre de emocións. Nos meus artigos e tutoriales escoitaredes de min que “o canto é unha expiración controlada”. Isto é certo en relación ao apoio e o control diafragmático que se aprenden coa técnica vocal, pero tamén é certo que, para cantar “con voz propia” precisamos saltar ao baleiro da exhalación, abandonándonos  e liberando a nosa voz das estruturas de control. 

Déixovos, como sempre,  unha canción para amenizar a reflexión.

Trátase dunha vella peza de Billy Joel, un dos meus compositores favoritos. Eu penso que esta canción nos conecta con emocións moi profundas e primixenias de confianza na vida e dos ciclos que se renovan infinitamente.

A letra nos conta da decisión íntima e “sagrada” de integrar o medo a sufrir e soltar para sandar as vellas feridas sentimentais, comezando de novo.  Hai outras interpretacións máis pesimistas desta canción.

A miña é optimista. 

Ademais, a música é moi sinxela, redonda e sen esquinas de contrastes, con dinámicas delicadas, como caricias.  Paréceme extraordinariamente aberta, de gran intensidade emocional e humildade.

Espero que vos guste tanto como a min, e que este artigo vos poida servir para respirar mellor e para querervos moito.

Unha forte aperta...