¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.

Contacta con Maga de Voz: info@magadevoz.com

POWER TO THE WITCHES!!!!!!!!

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Veño de asistir ao espectáculo teatral “The Witch” de Diana Sieira no auditorio do Centro Cultural da Guarda. O espectáculo era gratis e a sala estaba chea, na súa meirande parte de mulleres bastante maiores. Paréceme triste que a mocidade non asista ao teatro. Paréceme revelador que a maioría das asistentes sexan mulleres. Pero mellor vou ao gran:

Pedíronme que escribira unha reseña sobre “The Witch”. Grazas pola confianza e a oportunidade. Pola miña banda, aceptei o reto por variadas razóns persoais, pero sobre todo porque eu tamén son bruxa. Oh yes, me too. En realidade todas somos/fóramos bruxas agachadas no armario por medo da Inquisición, silenciando a nosa máxica voz para non sermos diabolicamente torturadas e queimadas semivivas, ou, no mellor dos casos, para non sermos excluídas, sinaladas, exiliadas, denigradas, humilladas... 

Ocórreseme que por iso, no comezo da obra, Diana se comporta  de rapaza mona, mostrando xestos de dumb blonde e presentándose, como nos filmes de Marylin, como un obxecto sexy, fráxil e inocuo (perdóame Monroe, por non matizar aquí as outras caras da túa poliédrica persoa).  Apetéceme sinalar  deste inicio do espectáculo, a mestría da actriz para manexar  as frecuencias agudas e a voz de cabeza. Non usa os graves, non toca terra, o seu corpo e voz mantéñense  liviáns, como unha delicadísima bolboreta perfectamente depilada e porén... proxecta eficazmente! Brava!

Aínda así, no comezo estou bastante desilusionada porque vexo unha Witch que, de feito, de Witch non ten nada, movéndose deliberadamente no rexistro “pop” e superficial e facendo tan maxistralmente a gilipollas que me sinto estafada. Vou tardar aínda uns minutos en comprender que a Witch está xogando con espellos e que nada é o que parece. Penso que o principal motivo da miña confusión inicial é a presentación da obra como unha  farsa/comedia/musical, explícome: 

Por unha banda,  eu encontro que as comedias galegas adoitan ser bastante incisivas, velenosas e ricas de matices,  nada que ver coa xesticulación plana e chea de lugares comúns Hollywoodianos que aparece no comezo da obra. Así que,  pouco a pouco,  dou en crer que o que percibo é só unha máscara, unha estratexia de distanciamento. A actriz representa a unha muller a cal, a súa vez, actúa e se fai a parva, para crear un xogo de bonequiñas rusas que agachen o seu verdadeiro ser: BRUXA COMBUSTIBLE.

E digo eu, mellor parecer parva que sufrir torturas e ser queimada. Non si? Porque, a ver... quen de nós non enmascarou algunha vez a propia diversidade para ser aceptada polo grupo aparentemente uniforme? Ou... quen non practicou a distancia, mesmo a negación, para sobrevivir ao trauma? Falarei disto, e do noso outcoming, máis adiante.

Pola outra banda, para min The Witch ten ben pouco de comedia, aínda que se venda como tal.  Trátase dunha traxedia, unha traxedia das máis temibles, das que veñen cargadiñas de Pathos e de Trauma para nos remexer os miolos, para transmutar a marea de emocións persoais e colectivas, creando conciencia, coñecemento e transformación interior. Pero no comezo da obra eu non  sei  isto aínda, descoñezo que estamos no aperitivo dun longo festín e que o prato forte virá despois. Pero xa vou intuíndo que o mellor está por vir.

Así que, chegada a este punto da obra,  relaxo a miña musculatura, abro as extremidades e a mente e me preparo para emocionarme. E abofé que me emociono durante un longo e xeneroso espectáculo no que  van desfilando ante min múltiples mulleres e personaxes, con idades e carácteres distintos, conducidas pola estupenda voz e corporalidade dunha actriz capaz de abranguer variados rexistros e matices. 

Diana Sieira é unha feiticeira que se transfigura elegantemente por transicións delicadas e máxicas, para subirnos á montaña rusa apaixonada dunha serie de varietés, abrindo e pechando fiestras e espellos enerxéticos polos que  nos vai mostrando, en corpo e ánima, o trauma abraiante das torturas, as violacións e os abusos, a traizón de mulleres contra outras mulleres (todo un clásico), pero tamén a sororidade que percorre transversalmente a historia feminina. 

E mentres the show goes on, vou comprendendo por que o rexistro de comedia light era imprescindible, porque só o humor nos permite asistir a esa narración de insoportable crueldade. Un humor “pop” utilizado para alixeirar tanto Pathos e “quitarlle brasa” á fogueira pero tamén como un mecanismo psicolóxico para  aliviar o  TEP (Trastorno por Estress Postraumático), típico das vítimas de abusos.  The Witch, como faría unha boa terapeuta, penetra é sae axilmente das emocións intensas para facer o camiño do autocoñecemento transitable.

E falando de rexistros, recordemos que a bruxería/chamanismo é sincrética. Non lle importan as grandes verdades, nin os dogmas da ciencia ou da igrexa, só lle interesa que a ópera máxica FUNCIONE. De feito a maxia só é válida cando funciona, aínda que o válido non sexa igual que o verdadeiro, o moral, o científico. De feito, a pota da bruxa é sempre “impura” porque a bruxería é pragmática e materialista e non ten outra ideoloxía que a do amor e o servizo. Soluciona os problemas da xente, cura as doenzas repara os erros e fai realidade os desexos. 

Penso que os impunes cambios de rexistro utilizados en The Witch  son tamén un pouco sincréticos  porque utilizan “maxicamente"  e de maneira válida e funcional moitas diferentes receitas, feitizos e conxuros, que van do expresionismo ao documental, pasando pola danza /movemento contemporánea ou o contacontos para volver ao naturalismo e a comedia, ou para  explorar con naturalidade a psicomaxia e a new age, e para, finalmente, entrar en ancestral éxtase como os derviches. 

E todos estes rexistros aparecen e desaparecen sen unha orde aparente, cronolóxica, histórica ou conceptual que sexa. Bótase todo dentro da marmita, acéndese o lume e se remove, seguindo un ritmo rigorosamente orgánico e que, necesariamente, FUNCIONA porque bate na carne, non na razón pura. Compre gozar desta nova liberdade sincrética/postmoderna, que nos alivia moito das cargas moralistas dun vello paradigma en total decadencia, abríndonos espazos a unha nova realidade, infinitamente complexa, impura e liberadora. 

Pero non todo son emocións fortes no espectáculo. The Witch tamén alimenta o meu cerebro racional e me informa obxectivamente do fenómeno da caza de bruxas analizando e sintetizando moitos aspectos ideolóxicos, históricos e antropolóxicos ao redor dese tema. Porque a obra está moi ben documentada e todo o que se ve e se escoita nela está baseado en feitos reais e en documentos históricos. E transpira teoría feminista. E aprendizaxe significativa. E activismo.

E xa para rematar, quero dirixirme a Diana Sueiro para dicirlle: “Thank you, dear Witch” polo estupendo momento que pasamos xuntas e no que  soubeches crear unha ligazón emocional co teu público. Thank you, dear Witch, porque nos mostraches un importante capítulo da historia silenciada das mulleres, devolvendo ás bruxas o seu poder e dignidade matriarcais orixinarios, honrando así a todas as irmás, vítimas dun sistema inquisidor e asasino das diversidades.

E thank you tamén por axudarnos a saír do armario e a empoderarnos a  todas as “raras”, as racializadas, as LGTB, as neurodiverxentes, as dis...colas, as di...versas, as artistas, as terapeutas, as buscadoras, as soñadoras, as creadoras e, en xeral,  todas as bruxas que fomos, somos e seremos por non aceptar ningún dogma que limite a propia realidade. 

We all are witches. 

Power to de witches. 

Así sexa, grazas, grazas, grazas.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar