•
CRISTAL MÉNDEZ QUEIZÁN
•
Son unha "creativa" e andei un tempo subida polos escenarios como cantante/actriz (sigo subindo de maneira "esporádica") e escribindo poesía durante as pausas laborais, pero pronto descubrín que a miña vocación é o ensino de Canto.
Considérome dese tipo de viaxeiras que se demoran bastantes anos nos lugares, integrándose na cultura que as acolle. Neste sentido, traballei bastantes anos como ensinante de Canto Moderno en diversas escolas de música de Barcelona e Roma, nas que acumulei moita experiencia profesional e vivencias moi enriquecedoras, ata que sentín a necesidade persoal de crear a miña propia empresa para poder integrar todas as miñas capacidades creativas que ata agora estaban "dispersas".
A miña formación tamén foi viaxeira e fun pasando polo Conservatorio de Música Jazz ESTUDIO e a escola de Teatro e Danza ESPAZO ABERTO en Compostela, así como o Taller de Musics de Barcelona cidade na que tamén me formei en EVTS. Diplomeime na Universidade de Barcelona como Mestra de Música e fixen un Master en Terapias Artísticas pola Universidade de Roma 3. Tamén en Roma estudei un ano con Bob Stolov e fixen un curso de CVT con Catherine Sadolín. E paralelamente fun facendo moitas e variadas formacións de danza, teatro, yoga e canto nas cidades nas que vivín: Vigo, Berlín, Barcelona e Roma que me foron enriquecendo como profesional e como persoa.
Actualmente, sigo formándome na técnica vocal CTV pero, sobre todo, estou explorando e perfeccionando o meu método, integrando as miñas competencias e experimentando no campo das artes escénicas, o canto e as terapias. Síntome moi realizada axudando ás persoas a mellorar como cantantes e a sacar fora á propia voz e estou convencida de que o traballo vocal posúe o poder "máxico" de facernos medrar como persoas, creando benestar.